Parque do coñecemento

Desexamos que o Campus de Vigo se convirta no gran parque periurbano de Vigo, nun parque moi especial. Porque non só ofrece paisaxismo (con impresionantes vistas sobre as Rías Baixas, sobre a bacía do Miño, sobre o val do río Zamáns ou Miñor e a Serra do Galiñeiro ou sobre a ría de Vigo), ou riqueza botánica ou faunística (con máis de cincocentas especies animais e vexetais). Non só ofrece posibilidades para a práctica deportiva de diversas especialidades ou lecer entre as masas forestais autóctonas repoboadas no último decenio. É aínda moito máis.

O gran parque periurbano do Campus de Vigo ofrece ademais riqueza arquitectónica (a mellor arquitectura moderna en edificios emblemáticos de autores como Pernas, Noguerol, Miralles, Portela ou Penelas), riqueza arqueolóxica (cos xacementos megalíticos do Monte das Pedreiras, catro mámoas, ou o poboado do Bronce final do Monte das Cabanas), riqueza histórica (coa Fonte Seca, onde tivo lugar unha cruenta batalla entre as tropas napoleónicas e as partidas guerrilleiras do Fragoso o 28 de xaneiro de 1809) e riqueza artística (con esculturas ao aire libre de escultores como Silverio Rivas, Paco Leiro, Buciños etc.).

O parque periurbano do Campus de Vigo non só é, pois, un parque para pasear e visitar, tamén é un parque para gozar aprendendo e aprender gozando de todos os atractivos desta paraxe: é o gran PARQUE DO COÑECEMENTO do suroeste de Galicia. Moi axiña, a Universidade de Vigo vai transferir neste espazo a información sobre toda esta riqueza con propostas de itinerarios para todo tipo de persoas (roteiros arqueolóxicos, roteiros ecolóxicos, roteiros paisaxísticos, roteiros arquitectónicos, roteiros artísticos, roteiros deportivos etc.) para que todas as persoas que o desexen veñan gozar ao Campus ao tempo que aprenden moitas cousas novas. Tamén daremos a posibilidade de facer algún(s) destes roteiros con guías do voluntariado de patrimonio da Universidade de Vigo.

Porque a nosa Universidade ten moito que lle ofrecer á toda a sociedade e non só ao noso alumnado. Vinde ao Campus de Vigo, vinde ao Parque do Coñecemento.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal