Información

As asociacións de estudantes na Universidade de Vigo son as que, constituídas de conformidade co establecido na Lei orgánica 1/2002 de 22 de marzo e no regulamento de estudantes da Universidade de Vigo, se comprometan e impliquen na defensa dos bens culturais e universitarios en réxime de liberdade, autonomía, representatividade e auténtica participación dos seus asociados e asociadas, dentro do respecto ao ordenamento xurídico do Estado, da Comunidade Autónoma de Galicia e da Universidade de Vigo.
A estrutura e funcionamento interno das asociacións deberán ser democráticos e rexerse por uns estatutos aprobados polos órganos competentes.

 

Tipos de asociación:

- Asociación de ámbito xeral: son aquelas que dirixen a súa actividade ao conxunto da comunidade universitaria, tendo asociados en diversos centros e unha actividade cultural e social que responda aos intereses de persoas e colectivos amplos.

-Asociacións de ámbito sectorial: son aquelas que restrinxen as súas actuacións a actividades sectoriais ou as que só teñen presenza nunha titulación ou nun ámbito reducido.
Na Universidade de Vigo existe un censo público de asociacións actualizado, no que se deberán inscribir as asociacións que se constitúan no seu ámbito, de acordo co Regulamento de estudantes da Universidade de Vigo e coa lexislación vixente. Este censo deberá actualizarse anualmente, coa finalidade de establecer baremos obxectivos do grao de participación asociativa da comunidade universitaria e de cara á supervisión da concesión de axudas e á participación das asociacións en todo o referente á vida universitaria (órganos colexiados, convocatorias culturais…).
Para os efectos desta convocatoria, consideraranse asociacións consolidadas as asociacións cunha certa estabilidade na súa vida organizativa nos últimos anos; valorarase positivamente que teñan concorrido neses anos ás convocatorias de organismos públicos ou privados para financiamento de actividades nos campus. As demais asociacións consideraranse como de nova creación. 

 

 

 

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal