A Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes convoca o VIII Premio de Pintura Universidade de Vigo de acordo coas seguintes bases:
1. Poderá participar calquera membro da Comunidade Universitaria da Universidade de Vigo que non fose premiado en edicións anteriores desta mesma convocatoria.
2. A técnica utilizada será libre e o tamaño das obras participantes non excederá de 150 cm. na maior das súas dimensións.
3. Cada participante poderá presentar unha única obra orixinal que non fose galardoada en ningún outro concurso.
4. Os traballos levarán ao dorso o título e irán acompañados dun sobre pechado no que figurará no exterior o mesmo título da obra, e no interior debe recoller o nome completo, enderezo, teléfono, fotocopia do DNI e a acreditación de membros da Comunidade Universitaria da Universidade de Vigo no interior.
5. Establécese un premio de 1.500 euros para a mellor obra. A estas cantidades aplicaránselles as retencións fiscais legalmente establecidas.
6. O xurado será designado pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e estará composto por membros da Comunidade Universitaria e por profesionais de recoñecido prestixio no ámbito das artes.
7. O fallo do xurado publicitarase adecuadamente e a entrega de premios terá lugar no presente ano 2010.
8. O premio pode quedar deserto se o xurado así o determinase.
9. Unha selección dos traballos poderá ser utilizada para facer unha ou varias exposicións no ámbito da Universidade de Vigo.
10. A propiedade da obra premiada será da Universidade de Vigo, pasando a formar parte dos fondos de arte da Universidade.
O prazo de presentación de traballos remata o 25 de xuño de 2010.
Os traballos non premiados poderán ser retirados ata o 31 de decembro de 2010 na Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes. Aqueles que non fosen recollidos neste prazo quedarán á disposición da Universidade de Vigo e non haberá posibilidade de reclamación.
A participación na presente convocatoria supón a aceptación destas bases, que poderán ser interpretadas polo xurado e a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes naqueles aspectos non previstos nas mesmas.