VII Certame de Fotografía Universidade de Vigo


A Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes convoca o VII Certame de Fotografía Universidade de Vigo. As bases deste certame son as seguintes:

1. Poderá presentarse ao certame calquera membro da Comunidade Universitaria da Universidade de Vigo (PDI, estudantes e persoal de administración e servizos) que non fose premiado en edicións anteriores deste certame.

2. O tema será libre e haberá dúas modalidades: serie e fotografía única. No caso de presentarse unha mesma obra nas dúas modalidades, deberá presentarse unha copia en cada unha. A serie será de tres, catro ou cinco fotografías.

3. Poderán presentarse traballos en branco e negro ou en cor. O tamaño será libre e deberán estar montadas sobre cartón-pluma.

4. Deberá figurar no reverso de cada fotografía un título identificativo e, no momento da súa entrega, deberase acompañar dun sobre no que figure no seu exterior o mesmo título do traballo e no interior os datos da persoa participante: nome completo, fotocopia do DNI, teléfono, documento que acredite a pertenza á Comunidade Universitaria da Universidade de Vigo, os negativos das fotografías ou, no seu caso, unha copia do arquivo dixital en máxima calidade, para as posibles publicacións que se poidan realizar.

5. Un xurado designado pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes composto por fotógrafos e membros da Comunidade Universitaria concederá catro premios que se entregarán no presente ano 2010.
- Serie: un premio de 900 euros e un accésit de 300 euros.
- Fotografía única: un premio de 600 euros e un accésit de 200 euros.
A estes premios faráselle a retención fiscal que a lei determina. Os premios da serie e o da fotografía única non poderán recaer na mesma persoa. O xurado resérvase o dereito de deixar desertos algún ou a totalidade dos premios.

6. As fotografías selecionadas para o concurso pasarán a ser propiedade da Universidade de Vigo, reservándose esta o dereito de editalas en calquera das súas publicacións, así como a expoñelas nalgunha mostra en calquera dos tres campus, facendo sempre constar o nome do seu autor/a.

O prazo de presentación de traballos remata o 25 de xuño de 2010.

Os traballos non premiados poderán ser retirados ata o 31 de decembro de 2010 na Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes. Aqueles que non fosen recollidos neste prazo quedarán á disposición da Universidade de Vigo e non haberá posibilidade de reclamación.

A participación na presente convocatoria supón a aceptación destas bases, que poderán ser interpretadas polo xurado e a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes naqueles aspectos non previstos nas mesmas.

Voltar a Concursos